Sunday 05 de May de 2024

“As mulleres poden!” será a lenda da campaña do 25 de Novembro do Concello de Frades


Brais Novoa, Fabián González e José Martínez , de 1º da ESO do IES de Ponte Carreira, elaborar hoxe un graffiti no muro exterior do pavillón polideportivo de Abellá coa imaxe da campaña deste ano

A lenda “As mulleres poden!” é a escollida este ano para protagonizar a campaña municipal do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, do Concello de Frades. Unha proposta realizada por Brais Novoa, Fabián González e José Martín, de 1º da ESO do IES de Ponte Carreira, que gañaron o concurso no que tomou parte o alumnado do instituto.

Finalmente o xurado, integrado por profesorado do IES e técnicas municipais, escolleu a proposta de Brais, Fabián e José que, ademais de ser recollida en camisetas, adhesivos e carteis, tamén será inmortalizada nun graffiti no polideportivo municipal de Abellá. Un debuxo que comezaron a elaborar esta mañá, co apoio do concelleiro de Ensino, Manuel Ferreiro Marzoa, quen este xoves 23 de novembro presentará esta campaña a todo o alumnado do IES de Ponte Carreira.

No seu graffiti inclúense dúas mensaxes a maiores: “Ti podes decidir o teu futuro” e “Nin home nin muller. Non á discriminación. Todos xuntos polo infinito”, esta última sobre un símbolo do infinito matemático mesturado coas iconas de home e muller.

Resto da programación

A programación do Concello de Frades para este 25N completarase coa instalación dunha mesa informativa no Concello mañá martes 21 de novembro, onde se repartirá material informativo para sensibilizar á veciñanza sobre a eliminación da violencia contra a muller.

Finalmente, o venres 24 de novembro repartiranse camisetas co debuxo e a lenda “As mulleres poden!” entre todos os nenos e nenas do CPI de Ponte Carreira, mentres que o alumnado de infantil e primaria desfrutará do espectáculo “Pola igualdade dende a maxia”, da maga Leo Leíño. Un show no que, a través de xogos, danse a coñecer as persoas que loitaron polos dereitos da muller co obxectivo de que, como Houdini, todas as mulleres se liberen das cadeas que lles quitan a liberdade. A programación especial do 25N rematará ás 13:00 horas coa lectura dun manifesto diante da Casa do Concello.